sábado, 8 de agosto de 2009

Os espidos de José María González Collado na José Lorenzo

Ao longo deste mes poderemos gozar na Galería de Arte Contemporánea José Lorenzo da obra deste pintos ferrolán, nado no 26, e formado en Madrid, París e Alemaña. A súa obra está presente en España, Xapón, Francia, os EUA, Bélxica, Holanda, Arxel, Tunicia, Venezuela e Inglaterra. Destaca especialmente como acuarelista de paisaxes, e tamén como ilustrador en numerosos medios galegos e nacionais, e no deseño de carteis, debuxos publicitarios e libros.
Aos 12 anos ingresou na Escola de Artes e Oficios de Ferrol, fundada no ano 1881, a máis antiga deste tipo en Galiza, pola que pasaron entre outros Bello Piñeiro, Imeldo Corral, Carmelo González, ou Martínez Vilela. Matricúlase en Debuxo, Aritmética e Xeometría, e recibe clases de Eduardo da Veiga, pero por pouco tempo xa que o seu espírito inquedo e a súa gran facilidade para o debuxo fan que non se amolde ao ritmo dos seus condiscípulos. Abúrrese coas copias e os exercicios que lle mandan facer, realiza outros debuxos..., e abandona. Con todo, a paixón polo debuxo e a pintura xa irán sempre con el.Aos 17 anos recibe o seu primeiro premio na Exposición de Arte, Educación E Descanso, na Coruña (1943); aos 18 gana o primeiro premio na V Exposición de Arte do SEU, na Coruña e concédenlle unha bolsa de axuda xuvenil coa que irá estudar a Madrid. En 1944 realiza a súa primeira exposición individual no Casino Ferrolano, cando soamente contaba 18 anos.En 1945 desprázase a Madrid. O afán de aprender é enorme e a diario visita o museo do Prado: sente fascinación por Velázquez, admira a Goya, ao que considera o mellor pintor do mundo, precursor do impresionismo e da pintura moderna. Por fin ten a oportunidade de realizar o exame de ingreso na Escola de Belas Artes, debuxa, a tamaño natural, unha figura dunha escultura grega de dous metros de altura. Aproba co número 2, nun curso de 90 alumnos. Na escola aprenderá sobre forma e cor, técnicas e estilos. Nesta época visita o magnífico pintor ferrolano Álvarez de Sotomayor, que se converte no seu protector e mestre.Viaxa polo norte de Africa, Marrocos e Arxelia. En 1957 viaxa a París, onde vive entre museos e pintores. En 1959 volve a Madrid, e alí permanece ata 1997, ano en que regresa a Ferrol, onde monta o seu novo estudo no que segue traballando, cos bríos propios dun novo artista. A finais do ano 2006, o Concello de Ferrol organízalle unha Exposición Antolóxica onde presenta máis de 160 obras, que constitúe un éxito de crítica e público. Ao mesmo tempo élle concedida a insignia de ouro da cidade, e urbanízase unha praza fronte ao seu estudo que levará o seu nome.

Nenhum comentário:

Postar um comentário